Visita de Carlos Núñez

IMG-20191002-WA0015

O alumnado do Instituto Santiago Apóstolo tivo a honra de recibir a un dos mellores músicos do mundo. Carlos Núñez, premio Rosa dos Ventos 2015 –galardón que outorga o alumnado maior do noso instituto todos os anos– dentro da xira de concertos que está a realizar por Arxentina e Chile procurou un oco na súa axenda para vir saudar os mozos e mozas do noso colexio.

Nada máis chegar, logo de que os nenos e nenas do nivel inicial lle dedicasen unha canción en galego como benvida, o insigne músico vigués interpretou dous temas coa flauta que os máis novos acompañaron e celebraron efusivamente.

Posteriormente, no salón Valle Inclán, máis de 400 rapaces e rapazas recibírono con entusiasmo acompañando a presentación que Nicolás Sousa, alumno de 1.eiro curso do nivel secundario realizou. Macarena Negreira, alumna de 5.º curso de Bacharelato deulle a benvida en nome de toda a comunidade educativa do centro rescatando para a ocasión o artigo de Emilia Pardo Bazán “A música galega”, aparecido na primeira plana do número 693 do xornal bonaerense “Correo de Galicia” o 3 de agosto de 1919. Neste texto –único coñecido escrito en galego pola ilustre escritora–, agárdase que “naza un dia o xenial artista celta capaz d’abarcala [a música galega] e asimilala e eistraere sua quintaesencia e recibire d’ela o chispazo d’emoción que se traduce en inspiración vitoriosa, produtora da obra capital, sinxela e subrime ó mesmo tempo.” Tomando como base as palabras da recoñecida literata, a presentadora afirmou: “Percorrendo mundo, sacando á luz realidades esquecidas, poñendo en valor o patrimonio de Galicia, esquecendo minifundios e navegando por mares universais de concordia… Carlos Núñez abriu fiestras e, con elas, fixo latexar corazóns e deseñou esperanzas que converteu en realidades tanxibles”. E engadiu: “Estamos moi ledos de que esteas acó connosco. Estamos felices polo cariño que polo noso colexio sempre demostras e sentímonos orgullosos de terte como amigo.” Macarena Negreira, pechou a súa salutación dirixíndose ao invitado: “Nós, humildemente, seguimos as túas ensinanzas e tratamos de fomentar e apoiar o coñecemento dos valores culturais do pobo galego, da súa lingua e das súas tradicións como un dos obxectivos principais do noso instituto. Desexamos que o vínculo entre esta e a outra beira do Atlántico nunca deixe de tecer fíos.”

Carlos Núñez agradeceu as palabras e dixo sentirse ledo de estar nun colexio galego en Bos Aires que brinda educación moderna e que cre na diversidade, porque diversa é a Arxentina e iso é un valor para ponderar.

 

Durante a hora que estivo no escenario perante a mocidade, o autor de discos tan singulares como “A irmandade das estrelas”, “Alborada do Brasil” ou “Inter-Celtic” impartiu unha clase maxistral de música, explicando ritmos e interpretando temas con flauta e gaita que o alumnado bailou e festexou.

Dende o Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires, agradecemos publicamente o apoio constante que Carlos

Núñez nos brinda, feito este que nos enche de orgullo e nos obriga a traballar con maior intensidade a prol da cultura galega en particular e do universo patrimonial en xeral.

 

Fotos: Sr Daniel Souza (Diario La Prensa)

Mais fotos AQUÍ

Mira La Prensa AQUÍ

Galería de fotos