Día de Galicia 2019

IMG-20190816-WA0026

O pasado mércores, día 17 de xullo, antes de principiar as vacacións de inverno, o alumnado do noso instituto preparou –coma todos os anos– un acto conmemorativo do Día de Galicia, festividade maior da Comunidade Autónoma Galega.

A alumna Paloma Guzmán e o alumno Luca Posatini Sáez presentaron un evento no que todos os niveis do centro educativo desenvolveron actuacións musicais variadas perante todo o alumnado da escola e moitas familias que se achegaron para compartir a festividade.

Os presentadores deixaron claro, dende o comezo, que co acto desexaban “honrar a terra que fortalece a nosa educación; terra puxante hoxe grazas en parte ao esforzo anónimo dos que a queremos e respectamos”. E engadiron: “Moitos de nós levamos a Galicia no ADN que nos legaron os nosos pais, avós e bisavós; outros non temos vínculos de sangue con ela. Sexa como for, nuns e noutros casos a terra galega e todo o que representa forma parte inalterable da nosa personalidade e, con certeza, que se saiba ben nesta e naqueloutra beira do Océano Atlántico, sentímonos orgullosos de pertencer a unha comunidade marabillosa que nós tamén axudamos a construír, e isto, nada nin ninguén o poderá tronzar.”

Logo da cerimonia protocolaria na que estiveron presentes as bandeiras e himnos de Arxentina, España e Galicia, os mozos e mozas recordaron o discurso “Alba de Groria” de Castelao, que –segundo o profesor Henrique Monteagudo– é “un dos cumes da elocuencia en lingua galega de todos os tempos”. Valentín Ortiz, leu varios fragmentos do texto e introduciu as palabras gravadas do propio autor rianxeiro que o auditorio escoitou con suma atención.

Posteriormente, o coro escolar do colexio interpretou os temas “Romeiro ao lonxe” e “Canto de andar”, universalizados polo grupo Luar na Lubre, e “A Rianxeira”, tema composto en Bos Aires en 1947 e estreado un ano despois para recibir a Castelao durante a súa segunda arribada a esta capital.

Pola súa parte, o grupo de Bailes Tradicionais bailou os temas “Muiñeira de Goente”,  “Muiñeira do Areal” e “Xota do Saviñao” e o grupo de música folk versionou a “Alborada de Verín”, tema que levou polo mundo adiante o grupo Milladoiro, e “Nau”, preparado a partir da versión de Luar na Lubre.

O acto tivo un fermoso peche cando os nenos das salas de 5 anos subiron ao escenario para bailar “O regadiño”. “Mostra evidente, en fin, de que o noso colexio está vivo, máis vivo ca nunca é esta actuación” aseveraron os presentadores.

Para rematar, o presidente da Delegación arxentina da Fundación Galicia América e representante legal do centro de estudos, Manuel Peleteiro Pérez, dirixiuse ao alumnado e ás familias para agradecer a confianza que acotío mostran polo Santiago Apóstolo e animou os mozos e mozas a que continúen defendendo Galicia como o fan todos os días.

Galería de fotos