Visita del señor presidente del Consello da Cultura Galega don Ramón Villares Paz

O pasado martes, día 20 de marzo, o Instituto Santiago Apóstol tivo o honor de recibir a don Ramón Villares Paz, presidente do Consello da Cultura Galega.

Don Ramón, acompañado pola súa dona e por Emilia García López, chegou á institución ás 10 da mañá e, logo de saudar a don Manuel Peleteiro, presidente da Delegación arxentina da Fundación Galicia América, a don José María Vila Alén, presidente do Centro Galicia, a outras autoridades da fundación e ao corpo directivo docente realizou un percorrido polas instalacións do centro educativo. Neste itinerario os directores dos diferentes niveis, Christian Valencia e Juan Domingo Rodríguez, explicáronlle o funcionamento global da institución, informárono dos proxectos pedagóxicos presentes e futuros e mostráronlle as particularidades que o Santiago Apóstol posúe como referente dun ensino bicultural de calidade na Arxentina.

Durante o periplo, o profesor Villares tivo tamén ocasión de visitar o Departamento de Lingua e Literatura Galega do instituto e coñecer a proposta pedagóxico didáctica no tocante ao ensino das materias vinculadas con Galicia, nas cales prima un traballo parello aos centros educativos da Galicia territorial.

Xa na sala de reunións da Fundación Galicia América, don Ramón mantivo un encontro coas máximas autoridades da institución e afondou na realidade global do instituto. Antes de asinar o libro de ouro do centro educativo, o señor presidente do Consello da Cultura Galega entregoulles cadansúa insignia da máxima institución cultural galega a don Manuel Peleteiro e a don José María Vila Alén.

Ás 11 da mañá o señor presidente desprazouse á Aula Magna Víctor Manuel Vázquez Portomeñe para brindar unha conferencia que, introducida por Paula Maldonado e Joaquín González Vega, alumnos de 5º curso de bacharelato, versou sobre a figura de don Valentín Paz Andrade, homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano que andamos.

Na súa alocución, o profesor Villares destacou a importancia que tivo para Galicia esta figura multifacética que soubo conxugar os labores xornalístico, político, xurídico, cultural, empresarial e literario. Asemade, salientou o seu labor protagonista na redacción do 1º Anteproxecto de Autonomía de Galicia, o cal se convertería nunha das partes do Estatuto de Autonomía plebiscitado en 1936, e a importancia que tivo na Comisión dos 9 (“ou dos 10 porque unhas veces estaba Felipe González e outras non estaba”) que foi a que pactou con representantes do goberno de Suárez os puntos básicos para confeccionar a futura Constitución e para chegar ás eleccións democráticas do ano 1977.

O académico subliñou a transcendencia que supuxo o feito de estar Galicia representada nese momento ao carón das outras nacionalidades históricas, xa que Paz Andrade ocupou a cadeira “que doutro modo quedaría baleira”. “Esta foi a súa grande contribución, porque permitiu visualizar a Galicia no contexto da reforma política, e da transición democrática e da construción do Estado das autonomías”

Xa no remate da súa exposición, antes das preguntas do alumnado, as cales o profesor atendeu con suma cordialidade, como primicia mundial e adiantando unha próxima edición que o Consello da Cultura Galega vai sacar do prelo contendo creacións poéticas inéditas de Paz Andrade, o señor presidente leulles aos mozos e mozas un poema do homenaxeado titulado “Rodar das vidas”.

 

 

Sinatura no libro de ouro do Instituto Santiago Apóstol

 

É un motivo de satisfacción e de enorme pracer coñecer directamente esta inmensa obra educativa e cultural que está a desenvolver na cidade de Bos Aires este centro Santiago Apóstol que leva no seu nome o emblema de Galicia e que ten nos seus obxectivos a continuidade histórica da enorme obra educativa que fixeron as colectividades de emigrantes e as súas asociacións de instrución.

Os meus parabéns para o colexio e para os seus directivos coa esperanza de que este sexa o faro que ilumine no século XXI unha nova fase da galeguidade na diáspora.

 

 

Palabras de benvida do alumnado

 

Autoridades, compañeiros e compañeiras; bo día.

Hoxe é un día especial para o noso centro de estudos pois temos o honor de recibir a don Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega.

Nesta pequena presentación non imos compilar a súa longa traxectoria profesional pois, máis aló de resultar algo imposible en tan curto espazo de tempo, todos nós xa a coñecemos e apreciamos enormemente.

Sirvan, iso si, estas palabras introdutorias para darlle a benvida á nosa casa e agradecerlle fondamente a deferencia que tivo ao vir vernos, pois para nós, alumnado do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol é unha ledicia poder escoitalo e aprender das súas palabras.

Como xa sabe, fomentar e apoiar o coñecemento dos valores culturais do pobo galego, da súa lingua e das súas tradicións é un dos obxectivos principais do noso instituto.

Moitos de nós descendemos de homes e mulleres emigrados de Galicia que encontraron na Arxentina un lugar para traballar, para vivir en paz e progresar laboral e economicamente e aqueloutros que non pertencen á colectividade, ao pertencer a este colexio senten a comunidade galega como propia.

Para nós, os descendentes directos de galegos, Bos Aires continúa a ser a quinta provincia de Galicia. Deste xeito, vivimos dúas patrias como propias: a arxentina e a galega. Xa se sabe, un ten que coñecer de onde vén para saber cara a onde ir, pero nunca esquecer onde está.

Moitísimas grazas, don Ramón, por acompañarnos.