Visitaron a los alumnos la premiada escritora Ledicia Costas, el Consejero de Cultura de Xunta de Galicia y el Alcalde de Santiago de Compostela.

A escritora Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015, mantivo un encontro co alumnado do noso centro educativo dentro das actividades que se están a desenvolver en Bos Aires no marco da 42.ª edición da Feira do Libro e que ten a Santiago de Compostela como cidade invitada.

Nun acto que contou coa presenza do señor conselleiro de Cultura, Educación e O. U. da Xunta de Galicia e que foi presentado por Candela Daubler e Laura Longo, alumnas do nivel Secundario da institución, a autora fixo un percorrido polas súas obras e explicou as vivencias que motivaron a creación de cada unha delas.

Posteriormente, mantivo un animado coloquio co alumnado presente e respondeu as preguntas que os mozos e mozas lle formularon.

Visita do alcalde de Compostela

O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega Sánchez, visitou o noso instituto. Ao longo do percorrido que realizou polas instalacións comprobou o traballo que o centro de estudos realiza en defensa e potenciación do patrimonio cultural galego, visitou algunhas aulas e saudou alumnado e docentes.

Posteriormente, mantivo un encontro coa Delegación arxentina da Fundación Galicia América e asinou o libro de ouro institucional.

Visita do conselleiro de Cultura, Educación e O. U.

O conselleiro de Cultura, Educación e O. U. da Xunta de Galicia, Román Rodríguez González, participou na conferencia que a escritora Ledicia Costas impartiu ao alumnado do nivel Secundario do noso instituto. Nas palabras que dirixiu aos mozos e mozas, resaltou a transcendencia que posúe o feito de que Santiago de Compostela -e Galicia enteira- sexa protagonista da Feira do Libro de Bos Aires. Asemade, destacou a vixencia da literatura galega neste novo século, literatura que ten referentes de talla internacional, como a Premio Nacional de Literatura que o acompañaba.

A continuación, na súa calidade de presidente da Fundación Galicia América, xunto ao secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo Suárez, mantivo un encontro coa delegación arxentina da devandita fundación.

PARA VER VIDEOS Y FOTOS CLIC AQUI

Galería de fotos