Visita del secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia
Anxo Manuel Lorenzo Suárez, coma todas as veces que visita Arxentina, mantivo un encontro co alumnado da institución no Salón Valle Inclán, onde 350 mozos e mozas o agardaban impacientes.
Acompañado por Manuel Peleteiro Pérez, presidente da Delegación arxentina da Fundación Galicia América e representante legal do Instituto Santiago Apóstol; pola señora Cristina Rubal González, subdirectora xeral de Bibliotecas da Xunta de Galicia; a señora Edith Pazó, membro do Gabinete da Secretaría Xeral de Cultura; o presidente do Centro PEN Galicia, don Luís González Tosar; o director do Centro PEN Galicia, don Xavier Castro, o secretario do Centro Ramón Piñeiro para as Investigacións en Humanidades, Armando Requeixo Cuba e os membros da Delegación arxentina da Fundación Galicia América presidiu o acto co que o alumnado desexou agasallalo.
Anabella Kim e Jonathan Sánchez González deron a benvida aos visitantes no nome dos seus compañeiros e compañeiras e introduciron a María José Pérez Morinigo e Agustina Torres que leron, respectivamente, as poesías “Soneto del amor unitivo” de Francisco Luís Bernárdez e “Seis Cantigas de Mar in modo antico”, obra escrita no ano 1941 por don Xosé Filgueira Valverde, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.
Posteriormente tomou a palabra don Manuel Peleteiro quen agradeceu a visita e dedicou o acto a “todos aqueles emigrantes que, malia loitaren pola súa consecución, non puideron ver concluída a grande obra que é o Instituto Santiago Apóstol”.
A continuación do señor Peleteiro dirixiuse aos presentes o secretario xeral de Cultura do Goberno Galego quen agradeceu o traballo que realiza o Santiago Apóstol na defensa, potenciación e espallamento da realidade cultural de Galicia nesta beira e animou a todo o alumnado a continuar o traballo emprendido con sabedoría, estudo e concordia.
Rematou o acto coa actuación do grupo de Música Celta, que dirixido pola profesora Julia Faletty interpretou dous temas: “Britonia” e “Nau”. Ambas as dúas composicións, con música do artista Bieito Romero.