Presentación de “Outra volta máis”.

No marco da Feira do Libro institucional, desenvolvemos a presentación do libro bilingüe castelán – galego “Y otra vez, y otra vez” – “E outra volta máis”.

Coa presenza da autora do relato, a prestixiosa escritora Ángeles Durini; das editoras do libro, Valeria Sorín e Laura Demidovich, e da bibliotecaria do nivel Secundario e profesora de lingua galega do instituto, Marta Villar, desenvolvemos unha actividade formativa a partir da historia que relata a obra na que participou o alumnado de 4.º e 5.º curso do nivel Primario. Asemade, acompañaron o acto os mozos e mozas do nivel Secundario do noso centro educativo, xa que foron eles os encargados da súa versión en lingua galega.

Este libro, sacado do prelo pola editorial La Bohemia, insírese dentro dunha colección que leva por título “Comunidades” e que rescata relatos antigos de culturas integradas na sociedade latinoamericana co obxectivo de pór en valor a pegada deses pobos na conformación da sociedade arxentina.